Fischer, Cangiani e Suárez detectan boas sensacións na pretempada do Teucro

Pontevedra
24 de agosto 2018

Estes tres novos xogadores indican que ficharon polo clube pontevedrés grazas as súas boas referencias e o ilusionante proxecto do equipo azul para esta nova tempada. Recoñecen que o traballo físico establecido por Antonio Puga durante este mes está a ser duro

Presentación de Cangiani, Suárez e Fischer, xogadores da SD Teucro
Presentación de Cangiani, Suárez e Fischer, xogadores da SD Teucro / PontevedraViva

Os arxentinos Guillermo Fischer, Facundo Cangiani e o catalán Natan Suárez son tres das caras novas da Sociedade Deportiva Teucro para afrontar esta tempada na liga  Asobal no equipo que dirixe Luís Montes. Este venres presentábanse oficialmente na Casa da Luz e mostraban a súa ilusión por formar parte deste proxecto.

Guillermo Fischer, de 22 anos, internacional arxentino, mide 2'02 metros e será unha das novas incorporacións este ano á Liga Asobal. A posibilidade de xogar na máxima categoría dunha das ligas máis importantes foi unha das razóns polas que aceptou a oferta teucrista. "É a oportunidade de xogar nun gran equipo", indicou o lateral. 

Natan Suárez é un central internacional xuvenil con España que procede do Agostinos Alacante. Con 20 anos chega ao  Teucro contra o que se enfrontou na Copa do Rey a pasada tempada. A chamada de Luís Montes explicándolle o proxecto foi decisivia para vir a Pontevedra, unha cidade que lle lembra á súa Xirona natal con xente amable que saúda na rúa.

Pola súa banda, Facundo Cangiani, de 27 anos, é o máis experimentado destas tres incorporacións e tamén decidiu fichar polo Teucro grazas á chamada do adestrador. Sinala que o seu obxectivo é ter minutos de xogo e agarda que o poida facer ben. O extremo dereito internacional con Arxentina procede do Balonmán Zamora e asinou por unha tempada.

Os tres aseguran que a pretemporada está a ser dura no apartado físico debido á planificación de Antonio Puga e teñen "boas sensacións".  Fischer recoñecía que non estaba afeito a tantas sesións de traballo, que chegan a ser de dez semanais e Cangiani apuntaba ás probas con variantes nas primeiras liñas que están a realizar, do mesmo xeito que a práctica de xogadas inversas, de fronte ao partido amigable deste sábado contra o Ademar en León, unha importante pedra de toque para ver o nivel do conxunto azul ante o segundo gran equipo de España.