Fran Fandiño recibe a alta médica tras tres meses lesionado

Pontevedra
14 de xaneiro 2015

O centrocampista xa está a disposición do técnico granate, Luisito, para o partido do sábado ante o Bergantiños. Pola súa banda Bruno quedará no equipo ata final de tempada

Fran Fandiño adestrando co resto do grupo tras a súa lesión
Fran Fandiño adestrando co resto do grupo tras a súa lesión / PontevedraViva

Boas noticias para o Pontevedra e para Luisito. O técnico de Teo ve como por primeira vez dende a súa chegada se baleira a enfermaría, toda vez que Fran Fandiño recibiu este martes a alta médica.

Tres meses despois de caer lesionado ante o Silva o centrocampista está de novo a disposición do adestrador, que se o considera oportuno poderá contar con el este mesmo sábado ante o Bergantiños.

Fandiño empezouse a incorporar ao traballo de grupo co inicio do ano e nos últimos adestramentos xa actuaba ao mesmo ritmo que os seus compañeiros.

Ademais Luisito contará con máis opcións na zona defensiva coa volta de Campillo tras a súa sanción e tras decidir o club que Bruno permaneza na disciplina granate ata final de tempada.

Malia estas altas e a incorporación en período de proba do centrocampista defensivo Marcelo Faría, o Pontevedra traballa na fichaxe dun lateral zurdo e un mediocentro organizador antes de que se peche oficialmente o mercado.