Freada con Seoane e precaución cos xogadores que saen de lesión

Pontevedra
26 de outubro 2022

O lateral do Pontevedra, que gozou en León dos seus primeiros minutos desde que caese lesionado no tramo final da pasada tempada, arrastra problemas musculares e causará baixa polo menos o domingo fronte ao San Fernando. Samu Araújo e Luís Martínez pola súa banda traballan co grupo pero todo apunta a que se esperará a contar con eles ata a próxima semana para evitar recaídas

Adestramento do Pontevedra na Xunqueira
Adestramento do Pontevedra na Xunqueira

Non hai maneira de baleirar por completo a enfermería no Pontevedra Club de Fútbol.

Cando por primeira vez en toda a tempada a situación parecía canalizarse coa volta de Diego Seoane aos terreos de xogo e a fase final de recuperación de xogadores lesionados como Samu Araújo e Luís Martínez, o primeiro deles deu un paso atrás.

Seoane, que disputou en León os seus primeiros 45 minutos curso partindo desde o once inicial tras meses arrastrando unha molesta lesión de pube, foi substituído por unhas molestias musculares que non remitiron superados os primeiros adestramentos da semana.

Tanto é así que o lateral foi a única ausencia, ademais da de Guèye pola súa convocatoria internacional, no adestramento deste mércores celebrado na Xunqueira. Unha freada no peor momento para el e que lle fará ser baixa polo menos o vindeiro domingo fronte ao San Fernando, senón algunha semana máis.

A mellor noticia para Antonio Fernández é o estado dos dous xogadores que permanecían na enfermería, Samu Araújo e Luís Martínez. Ambos os dous se exercitan xa ao mesmo ritmo que os seus compañeiros, aínda que con reservas en certos exercicios para minimizar o risco de recaídas. Desta forma antóllase pouco probable a súa presenza aínda na convocatoria do equipo.

Problemas de efectivos que persisten para un adestrador granate que non contará esta semana co xa citado Guèye nin con Yelko Pino por sanción.