Froiz, 28 anos de aposta polo ciclismo

Pontevedra
12 de febreiro 2016

A escuadra alimenticia protagonizou este venres a presentación oficial da súa tempada número 28 no pelotón elite e sub-23. É o segundo equipo nacional máis lonxevo, profesionais incluído, só superado polo Baqué vasco

Presentación do GD Supermercados Froiz 2016
Presentación do GD Supermercados Froiz 2016 / Mónica Patxot

É díficil atopar no pelotón nacional e internacional unha relación tan estable e frutífera como a que ten Supermercados Froiz co seu equipo ciclista.

Non en balde a tempada que está a piques de comezar é a número 28 do equipo pontevedrés, sendo o segundo equipo nacional máis lonxevo, profesionais incluído, só superado polo Baqué vasco.

Esta circunstancia, unido aos éxitos deportivos que colocaron ao equipo durante sente anos consecutivos á fronte do ránking nacional, motivou á Federación Española de Ciclismo a preparar unha homenaxe ao equipo dirixido por Evaristo Portela, que se celebrará en próximas datas en Madrid.

O Froiz, que este venres celebrou a súa presentación oficial nun acto celebrado na Deputación de Pontevedra, iniciará oficialmente a tempada o próximo 21 de febreiro no Circuíto do Guadiana, en Don Benito, na primeira proba da Copa de España.

Ao acto ademais do patrón do equipo, Magín Froiz, acudiron a presidenta provincial, Carmela Silva, a deputada de Deportes, Chelo Besada, e as concelleiras de Deportes de Pontevedra, Anxos Riveiro, e Poio, Marga Caldas.