Galicia é territorio da Gimnástica

Pontevedra
18 de xullo 2016

O club pontevedrés foi o máis laureado do Campionato de Galicia que se celebrou durante a fin de semana en Ourense, con 19 medallas

Equipo da Gimnástica no Campionato Galego Absoluto en Ourense
Equipo da Gimnástica no Campionato Galego Absoluto en Ourense /

Balance máis que satisfactorio para a Sociedad Gimnástica no Campionato de Galicia Absoluto de atletismo disputado durante toda a fin de semana en Ourense.

O club pontevedrés finalizou a competición como o máis laureado con 19 medallas, con 5 de ouro, 7 de prata e outras 7 de bronce.

Víctor Gallego conseguiu dúas das medallas de ouro, en lanzamento de peso e de disco, mentres o resto de vitorias foron para Santi Ferrer en pértega, Darío Costas en salto de altura e Iván Docampo nos 5.000 metros.

A imaxe do fin de semana deuse no lanzamento de disco, cun podio copado na súa totalidade por atletas da Gimnástica, xa que ao ouro de Víctor Gallego sumáronse o segundo e terceiro posto de Javier Guzmán e Martín Brea respectivamente.

Tamén se deron senllos dobretes en pértega feminina con Clara Gil e Paula Martín (prata e bronce) e en peso masculino, con Javier Guzmán acompañando desde a terceira praza a Víctor Gallego.

Completaron as medallas de prata Loreto Brea e Sergio Paredes en martelo, David Ferrer en lonxitude, Paula Santos nos 5.000 metros e a remuda 4x400 feminina.

Ademais foron bronce David Veiga 5 quilómetros marcha, David Domínguez en 400 valos, Ángeles Filgueira en xavelina e a remuda 4x100 masculina.

A cita serviu ademais de posta a punto para a última gran cita da tempada para o club pontevedrés, o Campionato de España Absoluto que terá lugar en Xixón a próxima fin de semana.