Gaña o Ribadumia na Illa, o Arosa remonta no desconto e o Villalonga segue en caída libre

O Salnés
11 de febreiro 2018

O derbi da Illa foi para un Ribadumia que volve gañar lonxe da Senra case catro meses despois para colocarse na zona tranquila á conta dun  Céltiga ao que obriga a mirar con precaución os postos de perigo. O Arosa remontou unha vez máis para gañar no desconto ao Silva e empezar a mirar cara a obxectivos ambiciosos, mentres o Villalonga eleva a 18 o número de partidos sen gañar

Partido entre Céltiga e Ribadumia no Salvador Otero
Partido entre Céltiga e Ribadumia no Salvador Otero

O derbi da Illa foi para un Ribadumia que volve gañar lonxe da Senra case catro meses despois para colocarse na zona tranquila á conta dun  Céltiga ao que obriga a mirar con precaución os postos de perigo. O Arosa remontou unha vez máis para gañar no desconto ao Silva e empezar a mirar cara a obxectivos ambiciosos, mentres o Villalonga eleva a 18 o número de partidos sen gañar.

Un bo gol conseguido por Rubén Cerqueiras aos 20 minutos fixo xustiza ao visto no Salvador Otero, onde o Ribadumia foi moi superior e unicamente sufriu algo ao comezo do segundo tempo.

Os visitantes saíron con moita decisión e a punto estiveron de marcar xa aos dous minutos, pero o remate de Josiño estrelouse no poste. A resposta local deulle para xerar dúas aproximacións con relativo perigo abortadas por Iván Parada, ata que un roubo en campo propio permitiu unha contra con pase de Hugo Soto a Cerqueiras que tras entrar no área picou sobre a saída de Manu Táboas, baténdolle con habilidade.

O gol achegou tranquilidade ao Ribadumia que cedeu a posesión e os branquivermellos que non souberon aproveitar, tanto que as dúas únicas ocasións da segunda parte foron tamén para o conxunto visitante, que non tivo problemas para defender a vantaxe ante a inocencia ofensiva do seu rival.

Consulta o acta do partido Céltiga-Ribadumia nesta ligazón.

A constancia ás veces ten premio e no Arosa esa é unha virtude que xa lle deu moitas satisfaccións neste tempada. Corría o minuto 93 cando Sergio Santos metía a súa bota dentro da área pequena do Silva para culminar unha nova remontada no último suspiro, levando aos de Jorge Otero a unha vitoria que lles permite mirar con ambición cara á zona nobre.

O Silva levara o partido ao seu terreo, impoñendo a superioridade física para pechar todos os camiños que conducían á súa área, incluso  Sergio Lloves tivo que empregarse a fondo para salvar un remate de cabeza de Marcos Gómez.

Os coruñeses atopaban premio á súa boa disposición táctica aos 56 minutos nun gol de cabeza conseguido por Movilla, anticipándose a Vitra no segundo pau.

Pero o mesmo Vitra refacíase da xogada anterior marcando o empate ao coar o balón pola escuadra culminando unha xogada de tiralíneas, ata que no desconto explotaban as bancadas da Lomba co gol de Sergio Santos que deixaba a vitoria na casa.

Consulta o acta do partido Arosa-Silva nesta ligazón.

O do Villalonga empeza a tomar unha cor absolutamente negra. A piques de cumprir unha volta enteira sen gañar, o peor son as sensacións que transmite o equipo celeste, que caeu goleado na súa visita ao Ourense, nun partido que quedou practicamente resolto con tres goles do cadro local en apenas quince minutos.

David Castro inauguraba o marcador aos catro minutos de xogo. Renan Zanelli facía o segundo no minuto 9 e cando aínda non se cumpriu o cuarto de hora de partido Alberto, en propia porta, pechaba a conta. Despois o Ourense limitouse a aguantar sen maiores problemas, ante a impotencia dun gris Villalonga.

Consulta o acta do partido Ourense CF-Villalonga.