Gañar a domicilio, última barreira do Pontevedra cara á recuperación

Pontevedra
07 de marzo 2020

Superada a súa serie negativa de 9 xornadas sen gañar, os granates buscan encadear dous triunfos consecutivos que lle relancen na clasificación. O rival este domingo (11:30 horas), un Getafe B que apura as súas opcións de pelexar pola permanencia na categoría

Martín Diz (29), ao fondo, nun adestramento do Pontevedra en Campañó
Martín Diz (29), ao fondo, nun adestramento do Pontevedra en Campañó / Cristina Saiz

Superada a súa serie negativa de 9 xornadas sen gañar, o Pontevedra Club de Fútbol enfróntase á súa última barreira para falar de recuperación, gañar a domicilio.

Os granates non vencen fóra da casa desde principios do mes de decembro, e queren agora encadear por fin dous triunfos consecutivos que lle permitan coller aire na clasificación e deixar de mirar cara aos aínda próximos postos de descenso.

O escollo para conseguilo será este domingo (11:30 horas) un Getafe B en problemas, penúltimo con 28 puntos (por 35 do Pontevedra) e que apura as súas opcións de permanencia. O filial chega á cita, iso si, quizais no seu mellor momento da tempada despois de encadear tres xornadas sen perder e cunha nova cara tras cambiar de inquilino no banco. "Con el cambio de entrenador han cambiado de sistema. Ahora juegan más replegado, esperando la contra", analiza Jesús Ramos.

Para o técnico pontevedrés o conxunto azulón "es un equipo que espera tus errores para machacarte", polo que será necesario afinar a concentración e tamén "habrá que jugar un poco con su ansiedad", avanza sobre o que se poderá ver sobre o céspede deixando a responsabilidade sobre o bloque que actuará de local.

Ramos non poderá contar con Sana por sanción, Nacho López por lesión, nin tampouco con Santi Figueroa ao que se lle diagnosticou unha escordadura de grao II no seu nocello que lle manterá "un par de semanitas" no dique seco. Esta situación deixa con poucos efectivos o posto de lateral dereito, con Campillo arrastrando molestias pero entrando na convocatoria para viaxar a Madrid. A enfermería complétana Berrocal e Javi López.

O colexiado do encontro será o vasco Ekhiotz Sánchez Asla.