GDKO Ibaizábal pasa por riba do Arxil (59-81)

Pontevedra
10 de marzo 2018

Inferiores en todas as facetas do xogo. O Arxil foi superado amplamente por un GDKO Ibaizábal que non deu opción ás verdes, dominando o partido desde o principio e mandando tanto baixo taboleiros como sobre todo no acerto no tiro exterior, que de novo volveu ser unha cruz para o equipo pontevedrés

Partido entre Arxil e GDKO Ibaizábal no CGTD
Partido entre Arxil e GDKO Ibaizábal no CGTD / Diego Torrado

Inferiores en todas as facetas do xogo. O Arxil foi superado amplamente por un GDKO Ibaizábal que non deu opción ás verdes, dominando o partido desde o principio e mandando tanto baixo taboleiros como sobre todo no acerto no tiro exterior, que de novo volveu ser unha cruz para o equipo pontevedrés.

Con María España imparable (25 puntos e 22 de valoración) no Arxil unicamente Arantxa Mallou (21 puntos) e Chantel Charles (14 puntos) viron aro con relativa facilidade, pero estiveron moi desasistidas polas súas compañeiras, desafortunadas no tiro, como Cristina Díaz Pache (1 de 10 en tiros de campo), ata sumar un discreto balance de 22 de 62 intentos nos tiros de campo (35%).

Por se iso fose pouco, a pintura tamén estivo dominada polo equipo vasco, que capturou nada menos que 40 rebotes, por 27 das pontevedresas.

As visitantes encarrilaron pronto o marcador ao seu favor, impoñéndose nun primeiro cuarto que debuxou o que sería o resto do partido (14-24), para ampliar a súa vantaxe no segundo (12-19) e practicamente deixar sentenciado o resultado ao descanso (26-43).

A pesar da relativa igualdade do terceiro parcial (19-18) froito máis da relaxación visitante que do acerto das de Mayte Méndez, Ibaizábal non deixaba lugar a dúbidas impoñéndose tamén nos últimos dez minutos (14-20) para terminar vencendo cun elocuente 59-81.

Consulta as estatísticas do partido Arxil-GDKO Ibaizábal nesta ligazón.