A final do Campionato de España de clubs de atletismo disputada esta fin de semana deixou un sabor agridoce á Sociedad Gimnástica Pontevedra, que logrou o obxectivo da permanencia en División de Honra Masculina pero quedou lonxe do ascenso á máxima categoría feminina.
O club pontevedrés desprazouse até o Estadio de Larrabide en Pamplona para disputar a final polo ascenso en Primeira División feminina mentres que os mozos viaxaron até o Complexe Esportiu L'Hp. Nord de L´Hospitalet de Llobregat para xogarse a permanencia en División de Honra masculina.
Precisamente desde terras catalás chegaron as mellores noticias do día, pois a Gimnástica logrou o quinto posto na final pola permanencia con 88 puntos, once máis que o sexto clasificado e primeiro club en marcar o descenso, o At. Salamanca Caixa-Rural.
Foi, por tanto, unha salvación certamente sufrida que comezou co oitavo posto de Sergio Rodríguez en lanzamento de martelo, primeira proba da tarde. Mellorou as súas prestacións Yannik Vila cun bronce en salto de altura e compartiu o terceiro posto Óscar Prieto cos atletas de Atlético Salamanca e Cornellà Atlètic ao asinar a mesma marca en pértega (5.01).
Sergio Coello logrou a súa mellor marca persoal para levar o primeiro posto en salto de lonxitude e sumar oito valiosos puntos para a marcadora lerezana, mesmo resultado que Pedro Osorio na final de 800 metros.
Diego Míguez contribuíu á causa con seis puntos en triplo salto e as probas de remudas selaron a permanencia dos pontevedreses, que lograron o terceiro posto en 4x100 e a segunda posición en 4x400. Obxectivo cumprido para o equipo masculino, que continuará unha tempada máis na máxima categoría.
Primeira División - Final Título #CEClubes #LigaIberdrola
— atletismoRFEA (
Así queda a clasificación final tras as 20 probas disputadas
Os dous primeiros equipos son xa equipos de División de Honra 2027
📊 https://t.co/x5QFiT1nSe
📺rtveplay pic.twitter.com/GZ8sjWTcQnatletismoRFEA) June 13, 2026
Non correu a mesma sorte a expedición feminina desprazada a Pamplona, que fixo os deberes durante a tempada para lograr pelexar polo ascenso nesta última xornada pero que quedou lonxe das dúas primeiras prazas que outorgan o dereito a subir de categoría, pois as lerezanas finalizaron oitavas con 62 puntos. Destaca o primeiro posto doutro galego, o Club Ourense Atletismo, que logrou o ascenso xunto ao club madrileño AD Sprint.
A realidade é que non arrincou mal a xornada para a Gimnástica, que logrou o seu primeiro ouro en salto de lonxitude grazas á mellor marca persoal de Lucía Sánchez (6.11). Con todo, os resultados non acompañaron nas probas posteriores ata que Cristina Garrido logrou de novo unha importante suma de puntos ao finalizar terceira en 100 metros lisos.
Este foi o segundo e último podio do club pontevedrés, factor que minguou enormemente as opcións das galegas de pelexar polos primeiros postos da clasificación e que as condenou a terminar na última praza da táboa.
Finalizou por tanto unha fin de semana de altibaixos para os intereses da Gimnástica, que pelexará polos mesmos obxectivos na próxima tempada da liga de clubs.