Até Ourense desprazouse o Club Gimsport de Pontevedra para toamr parte na Liga Infantil Nacional de Karate, que reunía aos mellores clubs de Galicia e do panorama nacional.
Unha competición de gran nivel con máis de 1.200 deportistas inscritos na que o club pontevedrés celebrou o éxito conseguido por unha das súas novas promesas.
Ariadna Álvarez Guadarrama subiu ao podio cunha medalla de bronce na modalidade de Kata Alevín Feminino.
Nesa mesma proba Andrés Sousa pasou a primeira rolda pero caeu na segunda.
Pola súa banda en Kata Infantil Masculino, Jesús Gabriel Torres Simal asinou unha notable actuación superando dúas roldas até chegar aos oitavos de final. Ademais Borja González Puga tamén conseguiu pasar unha rolda.
Completaron a representación pontevedresa Álvaro Sánchez Suárez (Kata Infantil Masculino) e Axel Gil Losada (Kata Alevín Masculino).
En Kumite, o equipo do Gimsport estivo representado por Ariadna Álvarez Guadarrama, Jesús Gabriel Torres Simal, Álvaro Sánchez Suárez e Borja González Puga.
Tras participar na Liga Nacional Infantil, o Gimsport mira agora cara a próximos retos como a Liga Galega de Karate ou o Maia International Karate Open, en Portugal.