Goldar ficha polo Cornellá e tampouco estará nunha presentación granate que anuncia sorpresas

Pontevedra
10 de xullo 2018

De non xurdir imprevistos de última hora, as quinielas apuntan a que Javi Pazos, Campillo, Javi Rey, Romay, Churre, Pedro Vázquez e Javi López vestirán de curto co equipo

David Goldar, nun adestramento do Pontevedra na Xunqueira
David Goldar, nun adestramento do Pontevedra na Xunqueira / Mónica Patxot

A golpe de festivo local, ás 21:30 horas deste mércores, botará a andar o Pontevedra CF 2018/2019. Farao en Pasarón, nunha presentación que se anuncia chea de sorpresas. Confirmadas as renovacións de pezas básicas da pasada tempada, será a quenda para as caras novas. Os rumores apuntan a que, pendente dalgunha chegada máis, haberá polo menos 7 incorporacións na estrea.

Claro que é posible que a peza máis cobizada, o dianteiro do Racing de Ferrol, Joselu, deba esperar, ao complicarse a súa fichaxe tras alcanzarse un acordo co xogador, ante o renovado interese do equipo departamental por manter ao seu máximo goleador.

De non xurdir imprevistos de última hora, as quinielas apuntan a que Javi Pazos, Campillo, Javi Rey, Romay, Churre, Pedro Vázquez e Javi López vestirán de curto co equipo.

Quen non estará, e será o último en caer da lista, é David Goldar. O central de Portas non aceptou finalmente as condicións que lle ofrecía o club granate, e este mesmo martes facíase oficial a súa fichaxe polo Cornellá, equipo catalán de Segunda B.

Queda por ver se Dario Flores (parece que non) e Pibe, son da partida, nunha tarde que se espera interesante e que comezará a desvelar aos afeccionados as armas coas que contará Luismi para confeccionar un Pontevedra que ilusione.

Para que nada falte, a festa tamén terá o seu apartado musical, coa actuación a cantante Andrea Pousa, e os afeccionados poderán presenciar todos os actos desde a bancada de tribuna, que se abrirá para o efecto.