Goleada de O Fisgón para seguir o seu camiño cara ao play-off de ascenso

Marín
17 de febreiro 2020

O equipo marinense superou con autoridade ao Universidad de Valladolid e consolídase na segunda praza de grupo na Segunda División de fútbol sala

Partido entre O Fisgón e Universidad de Valladolid
Partido entre O Fisgón e Universidad de Valladolid / O Fisgón Futsal

O play-off de ascenso á máxima categoría do fútbol sala feminino está cada vez máis preto para O Fisgón, consolidado na segunda posición do Grupo I da Segunda División.

Os tres primeiros clasificados pelexarán polo ascenso a final de tempada, e as de Marín conta xa con 14 puntos de marxe sobre o cuarto.

No seu último compromiso, O Fisgón superou con autoridade o Universidad de Valladolid no pavillón do Sequelo, nun duelo que se saldou con goleada (8-0).

Os dous equipos afrontaron a cita con baixas importantes, pero mentres que as locais cubriron esas ausencias con xogadoras da canteira, o Valladolid presentouse en Marín con só 7 efectivos e iso notouse sobre a pista.

O Fisgón conseguiu poñerse por diante no marcador cando apenas transcorreran dous minutos de partido cun gol de Café, e aínda que a resistencia das visitantes funcionou durante bastantes minutos, a muralla cedeu pouco antes do descanso con tres tantos seguidos de Café, Mar e Kun que encarrilaban o partido.

Na segunda parte, xa case sen oposición, o cadro marinense completou a goleada por medio de Mar, Jessy (2) e Charo.

A próxima xornada as do Morrazo afrontarán un esixente compromiso na cancha das terceiras clasificadas, o Valdetires Ferrol.