Goleada do Poio Pescamar ao Valdetires Ferrol (8-2) para certificar a permanencia

Poio
14 de maio 2016

Un só punto separa ao Poio Pescamar da permanencia matemática, tras a vitoria con goleada incluída sobre Valdetires Ferrol. As mozas de Jorge Basanta poderán afrontar con este resultado con absoluta tranquilidade, e coa satisfacción do obxectivo conseguido, as catro xornadas que restan para finalizar a liga

Partido entre Poio Pescamar e Ourense Envialia na Seca
Partido entre Poio Pescamar e Ourense Envialia na Seca / Diego Torrado

Un só punto separa ao Poio Pescamar da permanencia matemática, tras a vitoria con goleada incluída sobre Valdetires Ferrol. As mozas de Jorge Basanta poderán afrontar con este resultado con absoluta tranquilidade, e coa satisfacción do obxectivo conseguido, as catro xornadas que restan para finalizar a liga.

As ferrolás adiantáronse no marcador, por medio de Erika aos catro de xogo, á saída dunha falta, o que permitía ao equipo visitante, que necesitaba puntuar para escapar da zona de perigo, facer bo a súa formulación de dobre liña defensiva en cancha propia.

Con esta posta en escena, o Poio Pescamar controlaba o xogo, pero non atopaba forma de superar a barreira defensiva visitante, que conseguiu aguantar ata o descanso.

Pero o comezo do segundo tempo foi esmagador por parte do Poio Pescamar, que con goles de Suki, tras xogada persoal polo á e remate seco que golpeaba nunha defensora ferrolá, e de Jenny nunha transición ao segundo pau, lograban remontar.

Eses tantos deron confianza ao Poio e dous novos goles seguidos de Ale de Paz ao segundo pau e de Elena en ataque posicional, obrigaban ao Valdetires a optar polo xogo de cinco.

Pouco puideron facer xa as visitantes, que se viron dominadas por un Poio Pescamar que ampliaba a súa vantaxe con gol de Elena de disparo exterior á saída dun saque de banda. Tres minutos despois, Jenny poñía o 6-1.

A tres da conclusión, Suki ao segundo pau en ataque posicional poñía o 7-1. Recortaba Peli nunha man a man ante Irene e Nerea Moldes, de disparo exterior, facía o definitivo 8-2, a escasos segundos do final.

POIO PESCAMAR (8): Irene; Charo Yoli, Claudia, Jenny -cinco inicial-, Nerea Moldes, Suki, Jessy, Elena e Ale de Paz.

VALDETIRES FERROL (2): Iria; Peli, Lida, Albita, Erika -cinco inicial-, Paloma, Diana, Andrea, Jenny, Belén e Nerea.

Árbitros: Cardero Rodríguez e García Rodríguez (Galicia). Amoestaron a Yoli no Poio Pescamar.

Goles: (0-1) Minuto 4: Erika. (1-1) Minuto 22: Suki. (2-1) Minuto 23: Jenny. (3-1) Minuto 28: Ale de Paz. (4-1) Minuto 28: Elena. (5-1) Minuto 30: Elena. (6-1) Minuto 33: Jenny. (7-1) Minuto 37: Suki. (7-2) Minuto 38: Peli. (8-2) Minuto 40: Nerea Moldes.

Incidencias: Pavillón Municipal da Seca (Poio). Uns 300 espectadores.