O vindeiro sábado, 28 de maio, chega a primeira gran competición do ano para Javier Gómez Noya, centrado na súa preparación para os Xogos Olímpicos.
O pentacampión mundial, que se estreou o pasado fin de semana cun cuarto posto individual no Grand Prix francés en Dunkerque, afronta agora o reto de lograr o seu cuarto título europeo en Lisboa.
Na capital lusa dispútase o Campionato de Europa en distancia olímpica, proba na que faltan a maioría de primeiras espadas pero na que haberá un bo nivel competitivo con deportistas como o eslovaco Richard Varga ou os irmáns Polyanskiy.
Goméz Noya ten a opción en Lisboa de sumar un título continental máis no seu extenso palmarés tras os conseguidos en 2007,2009 e 2012.
Tamén estará en Portugal, en categoría junior, a pontevedresa Carmen Gómez Cortés, que recentemente conseguiu a medalla de bronce no Nacional sprint. Precisamente as súas principais rivais no Campionato de España, Cecilia Santamaría e Inés Santiago, participarán tamén no Europeo.
A carreira junior feminina arrincará ás 9:00 horas do sábado, mentres a elite masculina está fixada para as 11:00 horas.