Javi Gómez Noya triunfa en Lisboa e gaña o seu cuarto título europeo

Pontevedra
28 de maio 2016

O triatleta galego foi moi superior aos seus rivais na capital lusa e fíxose coa súa cuarta coroa continental, na que era a súa primeira gran competición da tempada. A pontevedresa Carmen Gómez Cortés, décima na categoría junior

Javi Gómez Noya entrando na meta na proba das Series Mundiais de Chicago
Javi Gómez Noya entrando na meta na proba das Series Mundiais de Chicago

Chegou, viu e venceu. Javi Gómez Noya conseguiu engrosar aínda máis o seu exitoso e extenso palmarés este sábado ao impoñerse en Lisboa no Campionato de Europa de Tríatlon en distancia olímpica, na que era a súa primeira gran competición da tempada tras o seu debut a pasada semana no Grand Prix francés.

O deportista galego non tivo rival na capital portuguesa, dominando de principio a fin para facerse coa súa cuarta coroa europea, tras as de 2007, 2009 e 2012.

Gómez Noya saíu no grupo cabecero tras os 1.5000 metros de natación, mantívose nos primeiros postos nos 40 quilómetros de ciclismo e rematou a faena nos 10 quilómetros a pé, onde fixo a diferenza para finalizar cun tempo de 1 hora, 49 minutos e 30 segundos, con 39 de vantaxe sobre o seu inmediato perseguidor, o ruso Dmitry Polyanskiy (1:50:09).

Completou o podio na terceira posición o suízo Andrea Salvisberg (1:50:32) nunha proba disputada na contorna do Parque das Nacións lisboeta.

BO PAPEL DE CARMEN GÓMEZ CORTÉS

En Lisboa tamén se atopaba Carmen Gómez Cortés, para afrontar a competición junior do Campionato de Europa, na que conseguiu acabar nunha meritoria décima posición.

A triatleta pontevedresa finalizou a carreira cun tempo de 1:04:22, a un minuto do podio nunha proba na que se impuxo a francesa Cassandre Beaugrand (1:02:42), mentres a tamén galega Inés Santiago rozou o podio ao acabar na cuarta praza.