Gómez Noya faise centenario en Australia

Pontevedra
09 de abril 2015

O triatleta galego participa na terceira cita das Series Mundiais en Gold Coast superando as 100 carreiras individuais disputadas dentro do calendario ITU

Javi Gómez Noya entrando na meta na proba das Series Mundiais de Chicago
Javi Gómez Noya entrando na meta na proba das Series Mundiais de Chicago

Moito choveu dende a Copa de Europa de Estoril 2002, na que Javier Gómez Noya facía o seu debut nunha proba internacional de triatlón do calendario ITU.

Trece anos despois, o deportista galego superará na terceira cita das Series Mundiais en Gold Coast (Australia) as 100 carreiras individuais, segundo revela o portal www.triatlonnoticias.com.

En todo este tempo logrou entre outros logros catro títulos mundiais, vitorias en Copas do Mundo, de Europa ou campionatos continentais, cun total de 37 triunfos e 23 segundos postos.

Unha traxectoria chea de éxitos que non apagaron as súas ganas de seguir na elite. De feito, tras sumar o seu primeiro podio das Series Mundiais en Auckland, Gómez Noya busca en Gold Coast asaltar o liderado do campionato que ostenta provisionalmente Jonathan Brownlee.

A cita australiana, que terá lugar este sábado 11 de abril (6:00 horas da madrugada en España), disputarase en distancia olímpica de 1,5 quilómetros de natación, 40 en bicicleta e 10 de carreira a pé.