Gómez Noya también arrasa no Ironman 70.3 de Barcelona

Pontevedra
20 de maio 2018

Triunfo sen contestación do triatleta galego este domingo en Barcelona demostrando que está preparado para o seu debut na distancia longa, que se producirá o 10 de xuño en Australia coa súa clasificación para o Mundial de Hawaii no horizonte

Javi Gómez Noya, no Ironman 70.3 de Barcelona
Javi Gómez Noya, no Ironman 70.3 de Barcelona / Ironman

Está listo. Javier Gómez Noya demostrou este domingo no Ironman 70.3 de Barcelona que fixo os deberes e está preparado para o seu debut na distancia longa, coa clasificación para o Mundial Ironman de Hawaii no horizonte.

O triatleta galego logrou un triunfo sen contestación en Barcelona facendo cumprir os prognósticos, non en balde é o actual campión mundial de media distancia.

Gómez Noya dominou a proba desde a natación, que concluíu con Adam Bowden ao seu ronsel e 16 segundos de vantaxe sobre David McNamee.

Despois no 90 quilómetros de ciclismo mantívose á fronte controlando a situación mentres por detrás os seus rivais pelexaban por alcanzar os postos de podio. Así, chegou á última transición co mellor tempo, 38 segundos máis rápido que Bart Aernouts, 41 que David  McNamee e con máis de 4 minutos sobre o resto de perseguidores.

Todo se decidiría nos 21 quilómetros de carreira a pé, e aí non hai quen tosa a Javi Gómez Noya, que marchou cun ritmo constante para chegar a meta cun tempo de 4 horas, 1 minuto e 39 segundos, ou o que é o mesmo, máis de 3 minutos sobre a medalla de prata, que levou finalmente McNamee (4:04:46), mentres que Bart Aernouts foi bronce (4:06:40).

Tras esta cita xa non quedan máis probas. O 10 de xuño chegará o seu esperado debut na distancia Ironman, que se producirá na localidade australiana de Cairns.