Gómez Noya terá que elixir entre os Xogos ou o Ironman de Kona, posposto a febreiro do 2021

Pontevedra
15 de maio 2020

A franquía fai oficial o aprazamento do campionato do mundo, ao que o triatleta afincado en Pontevedra estaba clasificado, para febreiro do 2021

Javi Gómez Noya no Ironman de Cascais
Javi Gómez Noya no Ironman de Cascais

Nova baixa no calendario de grandes eventos deportivos, Ironman acaba de facer oficial este venres a suspensión dos mundiais do 2020 que afecta directamente á planificación da tempada do triatleta afincado en Pontevedra, Javier Gómez Noya. O pentacampeón do mundo, que lograra o billete para a cita máis importante do circuíto de longa distancia, xa deixou claro que non poderá preparar para o 2021 este mundial e os Xogos Olímpicos deixando claro que dará prioridade á cita de Tokio.

Despois de varias semanas de reunións con todos os actores implicados na celebración deste evento, a franquía decidiu pospoñer as súas probas principalmente polas fortes restricións á mobilidade de persoas entre países e o peche de fronteiras motivado pola pandemia do Covid-19.

Deste xeito, o mundial de Ironman previsto inicialmente para o 10 de outubro na cidade de Kona, en Hawaii, pasa agora ao 6 de febreiro do 2021. Mentres que o Ironman 70.3, que ía celebrarse a finais de novembro, posponse ao próximo ano pero aínda non ten data establecida.

Este novo cambio no calendario obrigará a Javier Gómez Noya a reformularse os seus obxectivos. A principios de mes, nunha charla pública organizada por un dos seus patrocinadores, o triatleta asegurou que se finalmente trasladaban o Ironman a febreiro do próximo ano, "centrareime nos Xogos". Sostén o deportista competir neste campionato "é incompatible cuns Xogos nun mesmo ano".