Gómez Noya triunfa en Yokohama tras impoñerse a Alistair Brownlee nun emocionante sprint

Pontevedra
16 de maio 2015

O triatleta galego suma o seu primeiro triunfo da tempada nas Series Mundiais e consolídase no liderado da xeral cando se chega ao ecuador do campionato

Gómez Noya entra triunfador na meta de Yokohama por diante de Alistair Brownlee
Gómez Noya entra triunfador na meta de Yokohama por diante de Alistair Brownlee

Recordou ao sucedido en Londres 2013, onde Javier Gómez Noya logrou o seu terceiro campionato mundial, pero esta vez non estaba en fronte Jonathan Brownlee, senón o seu irmán Alistair.

O triatleta galego rematou unha gran carreira en Yokohama (Xapón) impoñéndose ao británico nun emocionante sprint final para lograr o seu primeiro triunfo da tempada nas Series Mundiais.

Gómez Noya, como de costume, posicionouse no grupo de cabeza tras 1.500 metros de natación iniciais, pero pronto o pelotón perseguidor encabezado entre outros por Mario Mola neutralizou a renda para agrupar a carreira no inicio do ciclismo.

Os 40 quilómetros en bicicleta transcorreron sen sobresaltos, ata que se legou á última transición e comezaron os 10 quilómetros finais de carreira a pé.

O triatleta afincado en Pontevedra saíu con forza da transición e pronto seleccionou un grupo na cabeza de cinco, con Brownlee, Mola, Vicente Hernández e Riederer.

Un ataque do británico, seguido dunha réplica do galego, fixo que o grupo se reducise primeiro a tres compoñentes e despois a só dous ao descolgarse o mallorquino Mola xa nos últimos quilómetros.

Brownlee intentou entón repetir o de Cidade do Cabo, cando arrancou nos ultimos metros para conseguir o triunfo, pero esta vez Gómez Noya non estaba polo labor de ceder e aguantou o tipo para xogárseo todo nun brillante sprint final e entrar primeiro en meta cun tempo de 1:47:00.

A dous segundos entrou Brownlee e a 20 Mario Mola para completar o podio, mentres Fernando Alarza entrou na oitava praza.

A vitoria en Xapón consolida ademais no liderado das Series Mundiais a Javier Gómez Noya cando se chega ao ecuador do campionato, comandando a clasificación xeral con 3.507 puntos polos 2.958 de Mola e os 2.685 de Alarza.

A próxima proba do mundial celebrarase en Londres o próximo 31 de maio.