Gonzalo Carró, coñecido deportivamente como 'Chalo', é o xogador co que o Teucro espera cubrir a baixa de Tomás Moreira, que abandonou o equipo pontevedrés para fichar por BM Villa de Aranda de Liga ASOBAL. O pivote coruñés, de 20 anos de idade e 1.93 de estatura, xogará en Pontevedra as dúas próximas tempadas, segundo informou o club nun comunicado de prensa.
"Chalo é un xogador novo que chega ao Teucro cargado de ilusión e co convencemento de que ten que explotar como xogador de balonmán en Pontevedra", comenta Quique Domínguez sobre a nova fichaxe. Chega procedente do Academia Octavio, onde xogou a pasada tempada ás ordes do agora adestrador do conxunto pontevedrés. Tamén se reencontrará con Dani Hernández e Edu Moledo, fichados recentemente do equipo vigués.
O novo xogador azul chega avalado por Quique Domínguez, que o coñece perfectamente tras dirixilo durante a pasada tempada. "Coñézoo moi ben e sei cales son os seus puntos fortes. Tamén coñezo as súas debildades e sei onde necesita esforzarse máis para mellorar. ÿ un xogador de equipo, solidario, traballador, disciplinado," segundo o define o técnico pontevedrés.
'Chalo' formouse nas categorías inferiores do OAR Coruña antes de marchar ao Academia Octavio, club ao que chegou na súa etapa xuvenil. Unha vez rematada a súa etapa de formación abandonou Galicia para probar sorte en terras madrileñas xogando durante unha tempada no BM Alcobendas, onde compartiu categoría coa SD Teucro xogando en División de Honra Prata. Volveu ao Octavio a pasada campaña, na que meteu 27 goles e gozou de minutos.
Ademais, Gonzalo Carró sabe o que é vestirse coa elástica da selección española pois en varias ocasións foi internacional en categorías inferiores. O pivote coruñés xogou 14 partidos coa selección promesas e cinco coa selección xuvenil.
A pesar de ter experiencia en División de Honra Prata, onde xogou as dúas últimas tempadas, é un xogador moi novo e de gran proxección. "Ten moito marxe de mellora. El sabe que despois de ser internacional en categorías inferiores, os dous últimos anos quedouse algo demorado respecto a outros xogadores da súa xeración e quere demostrar que pode chegar a ser un xogador importante nun equipo como o noso", afirma o adestrador.