Totalmente granate ou branca con liñas verticais en granate. Así son as camisetas coas que o Pontevedra CF conmemorará o seu 75 aniversario.
Nun acto que se celebrou na tenda do club, situada nos baixos do estadio de Pasarón, a presidenta do club, Lupe Murillo, presentou as dúas elásticas que os xogadores do equipo lucirán a partir deste domingo, no partido contra o Lealtad.
Trátase, explicou, dunha camiseta "exclusiva" que só se lucirá esta tempada e que, posteriormente, será retirada. Ademais, a peza está producida por primeira vez por unha marca de roupa propia do Pontevedra.
Outra das grandes novidades desta camiseta é que, por primeira vez na historia do club, o escudo do equipo estará situado no centro do peito, aínda que mantén o seu deseño para non molestar aos afeccionados máis tradicionais.
Iso si, será de cor prateada para festexar as vodas de platino que cumpre o Pontevedra este ano. E como chiscadela á historia do club, leva incorporada unha marca de auga que reproduce a imaxe da ponte do Burgo que, segundo Lupe Murillo, "es muy significativo para todos los que somos del Pontevedra".
Polo momento, non se desvelou o prezo que terá esta camiseta, aínda que desde o club apuntan que será moi similar ao da elástica actual, que se pode adquirir a 40 euros (35 para socios) na tenda de Pasarón. A nova será "solo un poquito más cara", segundo a directiva.
Esta camiseta só a vestirán os xogadores do primeiro plantel do Pontevedra. O equipo filial e o resto de conxuntos da base seguirán utilizando a habitual do club.