Grecia faise co título da Europa Cup en Pontemuíños con España terceira

Pontevedra
24 de marzo 2018

A piscina olímpica gozou este sábado por terceira xornada do mellor waterpolo europeo, unha xornada na que a Selección Española levou o bronce na competición continental tras vencer na loita polo terceiro e cuarto posto a Holanda

Final da Europa Cup de Waterepolo entre Grecia e Rusia
Final da Europa Cup de Waterepolo entre Grecia e Rusia / Diego Torrado

Por terceiro día consecutivo a piscina olímpica de Pontemuíños vibrou este sábado co mellor waterpolo continental nunha xornada na que se decidía o título da Europa Cup Feminina.

A actividade na instalación pontevedresa iniciouse co choque polo terceiro e cuarto posto, no que a Selección Española enfrontábase a Holanda.

O combinado nacional fíxose finalmente coa medalla de bronce ao superar a claramente ao seu rival (9-3), aínda que lle custou entrar no partido. Así no primeiro cuarto era o conxunto holandés o que dominaba (1-2), e non foi ata o segundo parcial cando da man dunha inspirada Clara Espar as españolas comezaron a marcar a pauta (4-2).

Tras o descanso as xogadoras adestradas por Miki Oca encarrilaron o encontro (6-3) para sentenciar nun inmaculado último cuarto.

Despois chegaría a pelexa polo título, por ser a primeira selección en levantar a Europa Cup, e esa honra foi par Grecia ao vencer a Rusia por un apertado 9-8.

O equipo ruso comezou tomando a dianteira no primeiro período (0-1), pero o cadro heleno mellorou para chegar ao tempo de descanso co marcador igualado (2-2).

O terceiro cuarto da final resultou decisivo polo gran acerto ofensivo de Grecia (6-3), aínda que Rusia non se deu por vencida e pelexou ata o último instante.

Co fin da Europa Cup toma a testemuña a natación na piscina olímpica co Campionato de España Infantil, pero só momentaneamente á espera do duelo da Liga Mundial de waterpolo que enfrontará o vindeiro martes 27 de marzo (21:30 horas) en Pontevedra ás seleccións de España e Hungría.