Guadalaxara, complicada pista para buscar a primeira vitoria a domicilio do Teucro

Pontevedra
09 de febreiro 2018

Os azuis visitan este sábado (18:00 horas) a unha das grandes revelacións da tempada, o BM Guadalajara, actual segundo clasificado da Liga Asobal no que supón un adianto da eliminatoria da Copa do Rei que enfrontará a ambos os dous equipos

Quique Domínguez durante un adestramento do Teucro
Quique Domínguez durante un adestramento do Teucro / Mónica Patxot

Difícil saída a que afronta este sábado (18:00 horas) a Sociedad Deportiva Teucro na busca de lograr estrearse esta tempada lonxe do seu fortín do Municipal.

Os pontevedreses visitan a pista do BM Guadalajara, unha das grandes sopresas da tempada na Liga Asobal ao ocupar a segunda posición provisional, nun choque que supón ademais un adianto da eliminatoria de Copa do Rei que enfrontará a ambos os dous equipos en marzo.

"Sen dúbida que é a gran revelación da liga. E non é casualidade", asegura Quique Domínguez, para quen o seu próximo rival é "un equipo que dá gusto velo xogar" baixo a dirección do ex-teucrista Víctor Vigo e xogadores importantes como o incombustible Hombrados, Montoya ou Javi García, entre outros.

Os azuis tentará repetir o triunfo que conseguiron en Pontevedra na primeira volta da competición, aínda que deberán superar unha semana máis a falta de efectivos por culpa das lesións.

O capitán Carlos García segue fóra de combate e á espera de que o luns se lle realice unha resonancia magnética que determine o alcance exacto da lesión que sofre no seu pé. Ademais seguen unha semana máis fóra do equipo Óscar Silva ou Rial.

A pesar diso, empezar a segunda volta con vitoria ante un rival directo como o Zamora deu ás ao plantel azul. "Sabemos que nesta liga, quitando ao Barcelona, pódeselle gañar a calquera equipo", avisa Borja Méndez.

O encontro en Guadalaxara será arbitrado polos valencianos Fernández Pérez e  Iniesta Castillo.