Guillermo García Janeiro seguirá un ano máis no pelotón profesional portugués co Radio Popular Paredes Boavista

Pontevedra
05 de outubro 2022

O ciclista pontevedrés, que actualmente se recupera dunha fractura de clavícula que sufriu adestrando, renovou a súa vinculación por un ano co equipo luso. "Espero este ano gozar dalgunhas oportunidades", asegura coa intención de seguir progresando

Guillermo García Janeiro nunha carreira co Radio Popular Paredes Boavista
Guillermo García Janeiro nunha carreira co Radio Popular Paredes Boavista / Radio Popular Paredes Boavista

O ciclismo pontevedrés seguirá tendo un ano máis un representante no pelotón profesional portugués.

Guillermo García Janeiro prolongou a súa vinculación por unha tempada co Radio Popular Paredes Boavista, que fala del como "unha sopresa moi positiva na Volta a Portugal", na que revelou "un forte espírito de equipo". Por ese motivo desde a escuadra lusa esperan que siga mellorando o seu rendemento e progresión.

Con 22 anos, García Janeiro foi o membro máis novo do seu equipo na citada Volta a Portugal na que "cumpriu de forma soberbia todo o que se lle pediu".

En canto ao protagonista, o pontevedrés recupérase actualmente dunha rotura de clavícula que sufriu adestrando, pero estará plenamente recuperado para o inicio da nova tempada.

"Estou encantado co equipo e cos meus colegas. Estou moi satisfeito de segur unha tempada máis e espero este ano gozar dalgunhas oiportunidades", explicou pola súa banda Guillermo García Janeiro.