O Exlabesa Leis Pontevedra FS atópase nunha situación privilexiada, soñando co ascenso a Segunda División.
Líder destacado do Grupo I de Segunda B con 34 puntos a un partido de finalizar a primeira volta do campionato, polo 28 cos que conta O Esteo, os pontevedreses movéronse para reforzar o seu plantel poñendo da súa parte para manterse no liderado no segundo e decisivo tramo da tempada.
Neste sentido o Leis anunciou esta semana a fichaxe do hispano-marroquí Mosaab Sarghini.
Trátase dunha ala-peche con ampla experiencia e que "chega para reforzar o equipo e achegar toda a súa calidade dentro da pista", afirma a entidade da Boa Vila.
En concreto nos últimos anos competiu na Segunda B española co Premià, Marfil Santa Coloma ou Barceloneta, e en Francia en equipos como o Toulon ou o FC Kingersheim, co que asinou un ascenso á máxima categoría do país galo.
"Con experiencia, entrega e moitas ganas de vestir a nosa camiseta, Mosaab convértese nunha peza clave para afrontar os retos desta tempada", sinala o Leis.
O equipo adestrado por Santi Valladares afrontará este sábado 20 de decembro o seu último partido do ano e da primeira volta.
Farao recibindo no Pavillón Municipal dos Deportes (17.00 horas) ao terceiro clasificado, o Atlético Benavente.