A tempada do Club Bádminton Ravachol Pontevedra vai camiño de ser histórica, e é que o club pontevedrés non só ten xa máis de media permanencia no peto, senón que por primeira vez situouse como líder en solitario da División de Honra, no seu grupo A.
É certo que o Ravachol conta cun encontro máis que o actual subcampión de Europa, o IESLa Orden de Huelva, que no caso de gañar empataríalle no alto da táboa con 12 puntos, o que non quita nada de mérito aos da Boa Vila.
O Bádminton Pontevedra chegaba á súa quinta xornada do campionato empatado a puntos co citado IES La Orden e tamén co UD Ibiza, que visitaba este domingo o pavillón Multiusos da Xunqueira.
O resultado non puido ser máis positivo, confirmando o gran momento do equipo adestrado por Jesús Pereiro. Un 5-2 ao seu favor que se empezou a fraguar xa nos primeiros duelos de dobres, cos triunfos no mixto de Léo Van Gysel e Georgina Bland e no feminino de Ana Carbón e Laura Álvarez.
O Ibiza recortou distancias vencendo o dobres masculino, pero o Ravachol sentenciou nos individuais cun triunfo por incomparecencia e dúas máis de Van Gysel e Bland.
"A situación de estar líderes é moi bonita, pero debemos manter os pés no chan, conscientes de que aínda queda moita liga e as cousas poden torcerse en calquera momento. Esperamos poder recuperar aos lesionados para seguir sendo competitivos e, por que non, soñar con meternos nese play-off polo título, aínda que o primeiro é amarrar matematicamente a permanencia", afirmou tras a xornada Jesús Pereiro.
Tras este resultado o Ravachol descansará agora ata o día 10 de febreiro, cando deberá visitar o pechacancelas da competición, o ANT Paracuellos.