O deporte pontevedrés viviu este martes unha xornada de recoñecementos e aplausos a dúas disciplinas que seguen dando grandes alegrías á cidade: a ximnasia e o bádminton.
O Concello e a Deputación provincial quixeron pór en valor os recentes éxitos dos seus deportistas, convertidos xa en referentes a nivel nacional e internacional.
A bicampioa do mundo de dobre mini trampolín, Melania Rodríguez, foi a cara máis visible da delegación do Club Ximnasia Pontevedra, que acudiu á casa consistorial tras a súa brillante actuación na última cita internacional.
Alí foron recibidos polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Deportes, Anabel Gulías, quen felicitaron ao equipo por uns resultados que sitúan a Pontevedra no mapa da ximnasia mundial e destacaron o esforzo, a constancia e o traballo colectivo que hai detrás de cada medalla.

O recoñecemento institucional estendeuse tamén ao bádminton, outro deporte que segue crecendo na cidade. No Pazo Provincial, o presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, e o vicepresidente, Rafa Domínguez, homenaxearon aos xogadores do Club Bádminton Ravachol, Raúl Bergua e Suevia García, tras a súa destacada participación no Campionato de España.

Raúl Bergua proclamouse campión nacional júnior, confirmando a súa proxección nunha das categorías máis competitivas, mentres que a moza Suevia García asinou unha actuación sobresaliente na categoría sub 11, cun total de tres medallas, entre elas o ouro en dobres feminino.
