Os piragüistas pontevedreses que subiron ao podio no recente Campionato do Mundo de Maratón celebrado en Romanía recibiron este venres unha merecida homenaxe na Deputación de Pontevedra.
Trátase de Jaime Duro (EP Ciudad de Pontevedra), prata sub-23 na canoa individual; de Tono Campos e Diego Romero (Breogán do Grove) como campións mundiais no C-2; de Tania Álvarez (Breogán) e Tania Alonso (Tudense), prata tamén en K-2; e de Iván Alonso (Kaiak Tudense), prata e bronce na proba longa e a curta do K-1 respectivamente.
Todos eles foron recibidos polo deputado provincial de Deportes, Gorka Gómez, que fixo mención na súa intervención á posta en valor do "esforzo do equipo, cando hai medallas e tamén cando non as hai".
Gómez destacou á súa vez a importancia dun deporte como o piragüismo a nivel provincial, como se reflicte no feito de que "dos 181 deportistas bolseiros da provincia, o 33% (55) son piragüistas", sinalou en referencia ás axudas aprobadas pola Deputación.
Pola súa banda una das grandes figuras internacionais do piragüismo maratón con varios títulos mundiais ás súas costas, como é Tono Campos, destacou que a provincia "ten mellores resultados que algúns países enteiros".