Honras da Xunta aos pontevedreses campións de España

Pontevedra
18 de abril 2017

A Secretaria Xeral para o Deporte, Marta Míguez, ofreceu unha recepción aos 99 deportistas de Pontevedra e a súa área de influencia que o último ano conseguiron títulos nacionais. Míguez sinalou que todos eles son un "exemplo e orgullo"

Raquel Rodríguez recibe o recoñecemento da secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez
Raquel Rodríguez recibe o recoñecemento da secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez / Xunta de Galicia

O edificio administrativo da Xunta de Galicia en Campolongo acolleu este luns unha homenaxe aos 99 deportistas de Pontevedra e a súa área de influencia que no último ano conseguiron proclamarse campións de españa nos seus respectivos deportes e categorías.

A Secretaria Xeral para o Deporte, Marta Míguez, encabezou o acto e referiuse a todos e cada un dos deportistas como "referentes, exemplos a seguir en xeracións máis novas que ven en vós espírito de superación, perseveranza, constancia e, en definitiva, a vontade de ser mellores cada día".

A máxima responsable do deporte autonómico cualificou ademais aos campións como "un orgullo para toda a sociedade galega".

Os deportistas homenaxeados conseguiron proclamares campións nacionais de disciplinas como o taekwondo (39), piragüismo (35), loita (7), vela (5), remo (5), judo (4), tríatlon (3) e natación (1).