Honras ás 'dragoas' mundialistas do Piragüismo Verducido-Pontillón

Pontevedra
04 de novembro 2024
Actualizado: 13:47

A Selección Española, con deportistas do Piragüismo Verducido e tamén do Náutico O Muíño de Ribadumia, conseguiu dúas medallas no Campionato do Mundo de 'Dragon Boat' celebrado en Filipinas

Selección Española no Mundial de Dragon Boat en Filipinas
Selección Española no Mundial de Dragon Boat en Filipinas / Real Federación Española de Piragüismo

Até Filipinas desprazáronse estes días deportistas do Club Piragüismo Verducido-Pontillón e Náutico O Muíño de Ribadumia para participar no Mundial de 'Dragon Boat'.

Toda unha experiencia para as 'dragoas' pontevedresas que compuñan a Selección Española Feminina tras gañar ese dereito no Campionato de España celebrado en Trasona.

Ademais deportistas de Sevilla, o Rías Baixas de Boiro e a Ría de Aldán completaban o equipo nacional coas categorías masculinas.

España pechou a súa participación no Mundial con dúas medallas, unha de ouro conseguida na categoría DB10 Open senior masculina e unha de prata coa tripulación DB20 2.000 metros mixta.

Ademais a embarcación feminina do Verducido-Pontillón demostrou o seu gran nivel cun meritorio cuarto lugar na categoría DB10 2.000 metros.

Filipinas encabezou o medalleiro mundialista cun total de 11 medallas de ouro, mentres que Tailandia ocupou o segundo lugar con oito títulos.

A Selección Española ten previsto regresar este martes 5 de novembro, cun voo que aterrará en Porto.

Na casa esperan amigos e familiares para homenaxear como se merecen a este grupo de deportistas que demostrou ser todo un exemplo de compañeirismo e superación.