Hugo Casañas vólveo a facer: Ouro nacional e mellor marca mundial dun atleta de 15 anos

Pontevedra
03 de marzo 2025

O atleta pontevedrés, que desde esta tempada compite polo Ourense Atletismo, foi un dos grandes protagonistas do Campionato de España de Lanzamentos Longos celebrado en Castelló

Hugo Casañas, no Campionato de España de Lanzamentos Longos en Castellón
Hugo Casañas, no Campionato de España de Lanzamentos Longos en Castellón / RFEA

Acaban os calificativos para Hugo Casañas.

O atleta pontevedrés, que desde esta tempada compite polo Ourense Atletismo aínda que se segue a formar a diario no Centro Galego de Tecnificación Deportiva, foi un dos grandes protagonistas do Campionato de España de Lanzamentos Longos celebrado en Castelló.

Casañas non só logrou un novo titulo nacional, senón que o fixo cunha marca estratosférica no lanzamento de disco sub-18.

O pontevedrés, que a pesar de contar con 15 anos compite nunha categoría superior, conta no seu haber con até 14 marcas nacionais.

Esta vez co seu mellor lanzamento do campionato, no seu quinto intento, lanzou o disco até os 64.51 metros, o que supón unha nova mellor marca mundial para un deportista masculino de 15 anos co disco de 1,5 quilos.

Supera en máis de medio metro o anterior rexistro, que era de Connor Bell con 63.93 metros. Unha fazaña que foi compartida polos medios oficiais da Real Federación Española de Atletismo.

Como non podía ser doutra forma o lanzamento valeulle o ouro, superando por unha disancia de nove metros ao segundo clasificado, Yeray Royuela (55.45 metros). De feito até o seu peor intento válido nesta competición (60.68 metros) teríalle dado o primeiro posto con autoridade.

En Castelló houbo outras medallas para atletas de clubs da comarca, como a prata de Anxo Filgueira (Atletismo Rías Baixas) no martelo sub-18, a prata de Pablo Costas (Sociedad Gimnástica de Pontevedra) na xavelina absoluta ou a tamén prata de lograda por Álex César (Agrupación Atlética Mazí de Vilagarcía) no lanzamento de xavelina Sub-18.