Hummel seguirá vestindo o Pontevedra un ano máis

Pontevedra
26 de xullo 2021

O inicio da pretempada do equipo granate serviu tamén para ver aos futbolistas coa súa nova roupa de adestramento da marca Hummel, coa que o club granate seguirá un ano máis. O club espera presentar a nova elástica nos próximos días

Inicio da pretempada do Pontevedra CF 21-22
Inicio da pretempada do Pontevedra CF 21-22 / Cristina Saiz

O inicio da pretempada do Pontevedra Club de Fútbol serviu para ver aos futbolistas por primeira vez coa súa nova roupa de adestramento da marca Hummel, coa que o club granate seguirá un ano máis.

A entidade de Pasarón decidiu prolongar por unha campaña o seu compromiso coa marca, tras renovar os equipamentos de toda a súa canteira.

Polo momento só se deu a coñecer a roupa de cor rosa para adestramento, xunto á negra que vestirá o corpo técnico, pero os próximos días espérase poder presentar xa os equipamentos oficiais para a tempada.

Neste sentido, e aínda que se gardan con receo os aspectos relacionadas coas camisetas, espéranse contar con novos elementos e detalles con algunha chiscadela cara á afección e cambios tanto no primeiro como no segundo equipamento. Ademais desde a entidade cren que as elásticas destinadas aos gardametas sorprenderán pola súa orixinalidade.