O Arxil, que hai uns días coñecía cales serían os seus rivais no seu regreso á liga Feminina 2, xa pode empezar a planificar toda a tempada ao detalle.
Isto é así porque a Federación Española de Baloncesto sorteou este martes o calendario dunha competición que dará comezo o próximo 4 de outubro e na que 28 equipos pelexarán polas dúas prazas de ascenso á LF Challenge que se porán este ano en xogo.
As pontevedresas, que estarán encadradas no grupo B, xunto aos demais equipos galegos e os clubs asturianos, castelán-leoneses, vascos e cataláns, comezarán a liga en casa, no pavillón do CGTD de Pontevedra contra o Ibaizabal vasco.
A liga regular terá 26 xornadas e concluirá o 18 de abril coa visita do Arxil a Xixón.
Os dous primeiros derbis que deberán xogar as xogadoras arxilistas serán na xornada 8, visitando a Maristas Coruña o 22 de novembro, e na xornada 9, recibindo ao Cortegada en Pontevedra o 29 de novembro.
O calendario completo do grupo B da Liga Feminina 2 pódese consultar neste enlace.
Os dous campións de ambos os grupos enfrontaranse nunha final de ida e volta e o gañador ascenderá á LF Challenge.
Pola súa banda, os equipos clasificados entre a segunda e a cuarta praza, disputarán unha eliminatoria de playoffs a ida e volta na que estarán en xogo tres billetes para unha segunda rolda á que tamén accederá o perdedor da final.
Estes playoffs de ascenso disputaranse entre os días 2 de maio e 6 de xuño.
O Arxil competirá no Grupo B e, ademais de Galicia (Maristas e Cortegada), visitará Asturias (Abda e Xixón), Castela e León (BF León), País Vasco (Ibaizabal, Ointxe e Barakaldo) e Cataluña (Lleida, Tarragona Básquet, Manresa, Romakuruma Mataró e Talenom Boet Mataró).