Durante esta semana, o alcalde Telmo Martín e o concelleiro de Deportes, Marcos Guisasola, visitaron as obras que se acometen no campo de fútbol de Noalla.
Trátase de traballos financiados polo Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas da Deputación de Pontevedra para mellorar as instalacións
A intervención, orzamentada en case 108,000 euros, inclúe a substitución dos actuais proxectores por novas luminarias LED de alta calidade e eficiencia, que reducirán o consumo enerxético nun 30%.
Ademais, remodelouse a estrutura das bancadas. Consiste na ampliación de 155 metros cadrados na cuberta de chapa e a restauración completa da estrutura metálica con tratamentos anticorrosivos e pinturas específicas.
A intención é ofrecer unha maior protección para o público fronte as inclemencias do tempo.
Como parte do plan de mellora, procedeuse ao desmonte dunha cobertura inferior deteriorada para instalar un sistema modular de policarbonato celular no peche lateral.
Con este traballo, o goberno local quere garantir que a choiva non afecte o confort de quen asista aos partidos.

O Concello ten previsto impulsar proximamente novos contratos. Entre eles, licitarase a renovación do céspede artificial e o sistema de rega dos campos de fútbol municipais de Noalla e Baltar, nun contrato de renting de catro anos valorado en 678,737 euros.
Por outra banda tamén se proxecta mellorar a iluminación dos campos de Baltar e O Revel.