O Club Cisne Balonmano fixo os deberes este sábado e beneficiouse á súa vez dos resultados dos rivais directos para asaltar a sexta praza da División Honra Prata e que dá acceso a disputar o play-off polo ascenso.
Pese ao triunfo, o encontro comezou coas defensas e os porteiros, especialmente Abián Rodríguez, impoñéndose aos ataques- De feito, o Cisne tardou cinco minutos en estrearse fronte aos 11 do Ibiza, que no momento que logrou transformar en gol o seu primeiro tanto os brancos xa se colocaron cun parcial de 4-0.
Os xogadores de Pontevedra tiñan ganas de conseguir un novo triunfo diante da súa afección e seguían mantendo unha lixeira vantaxe no marcador. De feito, é que os intentos de achegarse do Ibiza daban os seus froitos e reducía distancias en dous tantos, ata que dous goles seguidos por parte dos locais permitíronlle despegarse unha vez máis (8-4).
Os das Baleares continuaron co tira e afrouxa e conseguían con dúas grandes accións volver neutralizar o resultado en dous goles a falta de pouco máis de minuto e medio para o descanso. Jabato parou o tempo, e Furtado cumpriu anotando o 12-9 co que concluíu o primeiro tempo.
Despois do intermedio, o Cisne seguiu sendo dominador do marcador e apenas tiña problemas por manter a vantaxe. O Ibiza tentábao, pero entre Abián Rodríguez e a zaga branca encargábanse de frear o intento de despegamento do rival.
Os visitantes pararon o tempo aos 19 minutos de xogo cando vían que se lles escapaba o partido (21-16) e lonxe de dar resultado, foi o Cisne o que puxo máis terra polo medio cos goles de Conde e Mateo Arias cos que deixaba o encontro practicamente visto para sentenza (23-16).
Con todo, aínda había que apertar os dentes xa que o Ibiza non se daba por vencido e quería continuar na loita ata o final. Jabato pediu tempo morto a falta de cinco minutos para o final (24-20) e os seus cumpriron xestionando os esforzos e a situación, levándose finalmente o triunfo por 29-24.
Consulta as estatísticas nesta ligazón