Incerteza na Primeira RFEF: o TAD anula a expulsión do Internacional de Madrid

Pontevedra
12 de novembro 2022

 O Tribunal de Arbitraxe Deportiva (TAD) fallou a favor do DUX Internacional de Madrid e anulou a resolución do Xuíz Único de Competicións non profesionais da RFEF na que decretaba a perda da súa praza en Primeira Federación durante a tempada 2022-2023

Partido do Internacional de Madrid a pasada tempada
Partido do Internacional de Madrid a pasada tempada / DUX Internacional de Madrid

Foi o culebrón do verán pero parece que a lea non fixo máis que empezar. O Tribunal de Arbitraxe Deportiva (TAD) fallou a favor do DUX Internacional de Madrid e anulou a resolución do Xuíz Único de Competicións non profesionais da RFEF na que decretaba a perda da súa praza en Primeira Federación durante a tempada 2022-2023.

Coa liga xa empezada e dúas xornadas disputadas, o xuíz fixera pública a resolución pola que expulsaba da competición ao equipo, o cal non dispoñía do número mínimo de licenzas establecidas no Regulamento Xeral.

Foi por iso polo que a praza do DUX ocupouna o Talavera, equipo con máis puntos na liga regular e que cumpría con todos os requisitos vixentes para formalizar nun breve período de tempo a súa inscrición na categoría.

O Internacional reclamou e agora a historia deu un xiro de 180 graos. Así, nun comunicado emitido este sábado, o TAD dálle a razón ao equipo madrileño e afirma na súa resolución que "a medida de 'desinscripción' adoptada realizouse seguindo un procedemento inexistente na normativa federativa. Non se seguiu o procedemento legalmente establecido, e iso debe conlevar indefectiblemente á estimación do recurso, declarando a nulidade da medida de 'desinscripción' por adoptarse a mesma prescindindo total e absolutamente do procedemento legalmente establecido sen necesidade de entrar a valorar o resto de alegacións expostas no recurso".

A partir deste intre, a Federación ten dous meses para apelar esta decisión, pero nun principio teríase que volver inscribir ao equipo, aínda que todo apunta a que o regreso a Primeira RFEF do DUX Internacional sería a próxima tempada.

Esta decisión, no caso de que leve a cabo, abre un mundo de opcións que afectarían de forma directa aos xa participantes da categoría como é o caso do Pontevedra CF, e sementa a dúbida de que, xa que haberá un suposto ascenso máis, habería tamén un descenso. En todo caso a incógnita desvelarana no seu debido momento.