Javier Gómez Noya é eterno. Había case dous anos que non vencía nunha proba Ironman 70.3 (desde xaneiro de 2022), levaba meses sen competir no circuíto internacional, e con todo regresou ao grande.
O triatleta galego impúxose este domingo en Sudáfrica, no Ironman 70.30 de Mossel Bay, co premio engadido de conseguir o 'slot' ou clasificación para o próximo Campionato do Mundo da distancia, que se celebrará en Nova Zelandia.
Gómez Noya colocouse no grupo de cabeza desde unha natación que concluíu en segundo lugar, completando tamén o ciclismo na dianteira. Pero non foi ata a carrrera a pé, cun ritmo brutal no medio maratón que supuxo o mellor parcial de todos os participantes, cando confirmou a súa superioridade.
Ao final en meta parou o cronómetro cun tempo de 3 horas, 51 minutos e 46 segundos, con máis de dous minutos e medio sobre o segundo clasificado Matt Trautman (3:54:22). Terceiro foi Nicholas Quenet (4:00:09).
"Un circuíto duro nun lugar incrible, no que gocei cada metro! Grazas Matt e Nick pola batalla e a todos os espectadores polo apoio durante a carreira", sinalou Goméz Noya tras a proba.
Agora, asentado nas antípodas xa para pasar alí os meses de inverno, a intención do pentacampión do mundo en modalidade olímpica é competir tamén en decembro no Ironman 70.3 de Taupo, proba que en 2024 acollerá o Mundial da especialidade.