Inicio de curso para o Club In Mare cunha 'master class' da ximnasta internacional Natalia García

Marín
27 de setembro 2017

O pavillón marinense da Raña acollerá unha serie de actividades tuteladas pola ximnasta internacional durante o sábado 30 de setembro e o domingo 1 de outubro

Carolina Rodríguez, na Master Class de ximnasia rítmica organizada polo Club In Mare
Carolina Rodríguez, na Master Class de ximnasia rítmica organizada polo Club In Mare / Diego Torrado

O Club In Mare de Marín prepárase para dar inicio á súa tempada deportiva cunha esperada actividade, a súa xa tradicional 'master class' de ximnasia rítmica.

Nesta ocasión visitará o pavillón da Raña Natalia García, ximnasta internacional que representou a España en campionatos europeos e do Mundo, ademais de acumular medallas nos campionatos nacionais.

Natalia García será a encargada de encabezar as actividades e adestramentos previstos durante o sábado 30 de setembro e o domingo 1 de outubro, centrándose no manexo dos diferentes aparellos e tamén nas dificultades corporais.

Un cento de ximnastas novas anotáronse á master class, esgotando o número de prazas dispoñibles.

A programación da fin de semana arrincará ás 9:30 horas do sábado e finalizará o domingo ás 19:00 horas cunha exhibición final aberta para todos os públicos.