Inicio de segunda volta para un Cisne que busca o ascenso e un Teucro que quere maquillar o seu descenso

Pontevedra
29 de abril 2022

Os brancos mídense ao Eivissa, que asaltaron o Municipal no primeiro partido da primeira volta, ás 19.30 horas; mentres que os azuis buscarán a partir das 19 horas sumar os seus primeiros puntos á conta do  Alarcos de Ciudad Real

Partido entre Teucro e Esplugues no Pavillón Municipal
Partido entre Teucro e Esplugues no Pavillón Municipal / Cristina Saiz

A División de Honra Prata entra na súa fase decisiva esta fin de semana. Con só cinco xornadas pendentes, o Cisne ten o obxectivo de defender o primeiro debido a que lle dá o ascenso directo a liga Asobal. Pola súa banda, o Teucro, xa descendido, tratará de acabar a tempada da forma máis digna posible e seguir colocando os cimentos do equipo do próximo curso.

Ás 19.30 horas visitan os brancos a un equipo que os sorprendeu no primeiro partido desta segunda fase. "O Eivissa foi dos mellores equipos que pasaron polo Municipal, fixeron un partidazo e controlaron o partido", recoñeceu o segundo adestrador do Cisne, Quiños.

É por iso que no vestiario branco esixen máxima concentración para conseguir dous puntos que poderían resultar definitivos para o ascenso. Pero os locais non o poñerán fácil. "Non perden desde xaneiro e no seu campo só perderon dous partidos", advirte o técnico.

A súa principal virtude é o xogo defensivo e, en ataque, a conexión co pivote Daniel Bernárdez. "Teñen unha defensa moi ben organizada, pechada e que traballa moi ben as axudas", comenta Quiños, antes de engadir que "hai que frear o pase co pivote. Dani Bernárdez é dos máis decisivos da categoría".

Pola súa banda, o Teucro visita ao Alarcos de Ciudad Real ás 19 horas. Os de Irene Vilaboa consumaron de forma matemática o seu descenso a Primeira Nacional a pasada fin de semana ao rexistrar unha nova derrota diante do seu público. Sen nada en xogo, os azuis tratarán de maquillar a súa mala traxectoria nesta segunda volta, na que aínda non sumaron nin un só punto.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora