Inicio sen brillo para a natación pontevedresa no Campionato de España Open

Pontevedra
25 de marzo 2021

Bea Gómez finalizou co 12º posto a súa participación nos 200 libre, fiando todas as súas opcións aos 200 estilos que se disputará o vindeiro sábado día 27. Bo papel da pontevedresa Alicia Bouzas en categoría júnior

Alicia Bouzas no Campionato de España Open de Natación, en Sabadell
Alicia Bouzas no Campionato de España Open de Natación, en Sabadell / Club Natación Galaico

A natación pontevedresa comezou sen resultados de relumbrón a súa participación no Campionato de España Open de Natación, segunda cita selectiva directa para os Xogos Olímpicos.

Aínda que complicado ese é o obxectivo de Bea Gómez Cortés, na busca das súas segundas olimpíadas, e iso pasa xa por unha única proba, os 200 estilos que se disputarán o vindeiro sábado 27 de marzo. Nesa modalidade a pontevedresa deberá nadar por baixo dos 2:12.56.

Bea, que compite en Sabadell representando o Santa Olaya asturiano, estreouse este xoves no Nacional Open nos 200 libre para ir collendo ton. Alcanzou o 14º mellor tempo nas clasificatorias (2:05.16), sendo relegada á final B na que pechou finalmente a súa participación con 12º posto total  calcando case o seu tempo na xornada de tarde (2:05.22) e quedando en consecuencia moi lonxe da mínima olímpica ou a clasificación para o Europeo Absoluto.

Mellor fóronlle polo momento as cousas á júnior Alicia Bouzas, do Club Natación Galaico, adestrándose o mércores cun 11º posto na súa categoría no 800 libre, co 24º mellor rexistro absoluto (9:14.31). Ademais a pontevedresa logrou o 13º mellor tempo absoluto na clasificación dos 400 estilos (5:04.53), entrando na final C reservada para as júnior, na que encabezou a primeira parte da proba e terminando na quinta posición acusando o cansazo e asinando peor tempo que na quenda matinal (5:06.66).

A que finalmente non participou na primeira xornada do campionato foi Antía García, ao darse de baixa da 50 bolboreta.

O Campionato de España Open de Natación prolongarase aínda varias xornadas, ata o domingo 28 de marzo.