Inmellorable inicio do Voleibol Pontevedra na Primeira División Galega

Pontevedra
19 de outubro 2016

O club pontevedrés é unno dos dous únicos equipos que encadearon dous triunfos nas dúas primeiras xornadas de liga, o segundo deles tras impoñerse no Centro Galego de Tecnificación Deportiva ao Xiria

Partido entre Voleibol Pontevedra e Xiria no CGTD
Partido entre Voleibol Pontevedra e Xiria no CGTD / Diego Torrado

Dúas xornadas de liga na Primeira División Galega Feminina, e dúas vitorias para o Club Voleibol Pontevedra.

O equipo pontevedrés agarrouse á segunda posición da clasificación despois dun gran inicio de tempada, só superado polo momento polo VoleyOurense, que tamén conta os seus partidos por triunfos.

O CVP debutou na pista do XAV Cambados na primeira xornada, gañando no quinto set.

Igualado foi tamén a súa estrea na casa, no Centro Galego de Tecnificación Deportiva, ante un Xiria moi combativo. Os bos servizos de saque na recta final de cada set axudou a que o desenlace fose positivo tras catro mangas (25-23, 25-22, 18-25 e 25-21)

A próxima xornada tocará descanso para o cadro pontevedrés, que non volverá á competición ata o día 29 de outubro recibindo en casa ao San Sadurniño.