Inquietude no Arxil pola tardanza no regreso de Fallon Lewis

Pontevedra
13 de xaneiro 2015

A xogadora estadounidense segue no seu país á espera de poder completar uns trámites burocráticos que se alongaron máis do previsto. No club verde aínda non a descartan para o choque do próximo sábado ante o ADBA

Fallon Lewis no partido entre Arxil e Pabellón Ourense
Fallon Lewis no partido entre Arxil e Pabellón Ourense / Diego Torrado

O Arxil cambiou o seu estado de resignación por perder a Fallon Lewis na primeira xornada do ano á inquietude porque a xogadora segue sen resolver os trámites administrativos necesarios para volver a España.

Lewis continúa en Estados Unidos á espera, tres semanas despois da súa marcha, do certificado de penais que debe presentar no consulado antes de emprender o seu regreso, o que está a esgotar a paciencia do club pontevedrés.

A directiva verde reuniuse co axente da xogadora para intentar buscar unha solución e, malia que completar a formalidade pode prolongarse aínda unha semana máis, non a dan por descartada para o choque do próximo sábado ante o ADBA.

DIARRÁ NO QUINTETO IDEAL DA XORNADA

Unha vez máis a arxilista Maimouna Diarrá foi incluída no quinteto ideal da novena xornada na Liga Femnina 2.

A pívot senegalesa, a pesar da derrota do seu equipo ante o Bizkaia, conseguiu unha valoración de 31 grazas aos seus 22 puntos, 12 rebotes e 2 recuperacións.

Diarrá alcanza tras nove xornadas de liga uns sobresaíntes números de 20,2 puntos e 14,4 rebotes por partido, cunha valoración media de 27,4.