As inscricións para a San Silvestre de Pontevedra, a partir do luns 1 de decembro

Pontevedra
26 de novembro 2025
Actualizado: 12:53

A popular proba deportiva recupera este 2025 o seu circuíto tradicional, con saída e chegada na Avenida de Montero Ríos cunha lonxitude aproximada de 3.900 metros

San Silvestre de Pontevedra 2024
San Silvestre de Pontevedra 2024 / PontevedraViva

A XLII San Silvestre de Pontevedra prepárase para abrir inscricións nun ano no que se plantexou como obxectivo chegar ao seu tope histórico de 7.000 dorsais retirados.

A popular proba deportiva organizada pola Sociedad Gimnástica e o Concello de Pontevedra recupera ademais este ano o seu circuíto clásico, con saída e chegada na Avenida Montero Ríos.

Serán aproximadamente 3.900 metros de lonxitude pasando por Riestra, Praza de San José, Augusto González Besada, Praza de Galicia, Augusto García Sánchez, Antero Rubín, Igrexas Vilarelle, Praza da Constitución, Praza de Galicia, Andrés Mellado, Peregrina, Odriozola, Ferrería, Soportais, Curros Enríquez. Rúa Real, Serra, Pai Amoedo, Bos Aires, Galera, Arcebispo Malvar e Praza de España para acabar de novo en Montero Ríos.

Todo iso o próximo 31 de decembro a partir das 17.00 horas.

Antes, desde o luns día 1 de dicembre, poderanse a retirar os dorsais para o evento, de balde do mesmo xeito que en anteriores edicións pero coa obrigación de colaborar na recollida solidaria organizada en favor do Banco de Alimentos.

Até o 26 de decembro as inscricións formalizaranse na tenda Miller (Rúa Peregrina 6), de luns a sábado de 10.30 a 13.30 horas e de 17.00 a 20.00 horas (25 de decembro pechado).

A partir do día 27 de decembro a operativa trasladarase ao baixo da Rúa Castelao 3, en horario de 10.30 a 13.30 e de 17.30 a 20.30 salvo o domingo 28 e o propio mércores 31 de decembro que se atenderá só en horario de mañá.

Avisa a organización que non se permitirá participar sen dorsal.

Aínda que non competitiva, a San Silvestre de Pontevedra premiará os tres primeiros clasificados tanto en categoría masculina como feminina e entregará un lacón aos mellores disfraces individuais e colectivos.