O Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) de Pontevedra foi escenario este sábado da celebración da XXXVII edición dos campionatos autonómicos de clubs en categorías Sub 16 e Sub 20.
Unha xornada intensa de atletismo á que acudiron ao redor de 300 atletas en cada unha das categorías. Entre eles, os deportistas da Sociedad Gimnástica de Pontevedra, que mostraron moi boa imaxe en cada unha das competicións.
En horario matinal, o equipo feminino Sub 20 conseguiu a primeira posición cun total de 97 puntos, seguidas do Ourense Atletismo (92 puntos) e da Escola Atlética Lucense (90 puntos). Pola súa banda, o equipo masculino quedou sexto con 71 puntos nunha xornada na que o podio o formaron o RC Celta (109 puntos), a Atlética Lucense (95 puntos) e o Club Atletismo Sada (84 puntos).
En categoría Sub 16 masculina, a Sociedad Gimnástica foi segunda con 88 puntos. Quedou detrás do Millaraio (97 puntos) e por diante do Lucus (85 puntos). Finalmente, en categoría feminina o equipo pontevedrés foi sétimo con 68 puntos. Os tres primeiros postos foron para o Vila de Cangas (89 puntos), Atlética Lucense (85 puntos) e o Celta (84 puntos).