Invitacións para socios e baixada xeral de prezos ante a UD Sanse na última bala do Pontevedra para pelexar pola permanencia

Pontevedra
24 de abril 2023

O club granate habilitou promocións especiais para o seu próximo partido de liga, o que lle enfrontará o domingo 30 de abril (17.00 horas) en Pasarón á UD San Sebastián de los Reyes

Partido de Primera RFEF entre Pontevedra CF - Linares en Pasarón
Partido de Primera RFEF entre Pontevedra CF - Linares en Pasarón / Cristina Saiz

Non hai máis rede. Todo o que non sexa gañar o vindeiro domingo 30 de abril (17.00 horas) á UD San Sebastián de los Reyes no Estadio Municipal de Pasarón supoñerá na práctica o punto e final ás opcións xa escasas de permanencia que mantén o Pontevedra Club de Fútbol.

Sábeno os afeccionados e tamén no club granate, que habilitaron unha nova promoción esta semana cos prezos e condicións máis alcanzables de toda a tempada.

Así, cada socio poderá retirar ata dúas entradas de balde para acompañantes, en venda anticipada nas oficinas do club ou a través da páxina web do Pontevedra.

Ademais os prezos reducíronse ao máximo para fixalos en 15 euros en Tribuna, 10 euros en Preferencia e 5 euros nos fondos no que respecta ao público xeral. Para os menores de idade de entre 7 e 16 anos o prezo será de 3 euros en calquera das bancadas, mentres que os menores de 7 anos non terán que pasar por despacho de billetes.

Con cinco xornadas aínda por diante, o Pontevedra é actualmente penúltimo na táboa clasificatoria con 31 puntos, a 6 da zona de permanencia e a 7 do seu próximo rival.