Irene Trabazo, campioa cadete da Copa de España de ciclismo en estrada

Marín
20 de agosto 2014

A deportista do Club Ciclista Marín finaliza segunda na última proba da Copa de España en Xátiva asegurándose o campionato. Trabazo tamén é a actual campioa de España e da Copa Federación de ciclocrós

Irene Trabazo, campioa da Copa de España cadete de ciclismo en estrada
Irene Trabazo, campioa da Copa de España cadete de ciclismo en estrada / Real Federación Española de Ciclismo

Novo éxito para Irene Trabazo. A deportista do Club Ciclista Marín proclamouse en Xátiva campioa da Copa de España de ciclismo en estrada en idade cadete.

Trabazo completa así unha gran tempada, na que tamén se proclamou campioa de España e da Copa Federación de ciclocrós, a súa especialidade.

A ciclista marinense finalizou segunda na última proba da Copa de España, a 2 minutos e 24 segundos da valenciana Sofía Rodríguez (Romovi-Rustic), mantendo o maillot de líder ante a ausencia da súa principal rival, Cristina Soler, que se encontraba disputando o Nacional de pista.

Irene Trabazo rematou con 309 puntos, polos 209 de Cristina Soler e os 196 de Sofía Rodríguez.

A flamante campioa recoñeceu en declaracións recollidas pola Federación Española de Ciclismo que "a carreira foi moi dura, pero saín tranquila porque xa tiña os deberes feitos e sabía que ía ter menos rivais que noutras ocasións. Loxicamente estou moi contenta e agora toca descansar e pensar xa na tempada de ciclocrós".