Irene Trabazo colga a medalla de prata no Campionato de España de Ciclocrós

Marín
15 de xaneiro 2018

A ciclista marinense foi segunda na categoría sub-23 despois dunha emocionante e dura carreira disputada na localidade vasca de Legazpi

Irene Trabazo, na primeira xornada do Campionato de España de Ciclocrós
Irene Trabazo, na primeira xornada do Campionato de España de Ciclocrós / Federación Galega de Ciclismo

Partía como unha das opcións claras de medalla para o equipo galego e non defraudou. Irene Trabazo, recente campioa da Copa España de ciclocrós da súa categoría, fíxose coa medalla de prata no campionato nacional disputado durante a fin de semana na localidade vasca de Legazpi.

Trabazo foi segunda na categoría sub-23 despois dunha dura e emocionante proba, con moito barro e auga no circuíto, na que protagonizou unha igualada pugna pola segunda praza coa catalá Magda Durán.

Ambas mantiveron a súa loita ata os últimos metros saíndo vencedora a ciclista marinense por 24 segundos. O ouro levouno con autoridade a corredora vasca Luisa Ibarrola, con 1:51 de vantaxe sobre a deportista do Marín-Ottoman.

Galicia sumou en  Legazpi un total de catro medallas, grazas ao ouro de Carlos Canal na categoría junior, con Adrián Barros terceiro, e tamén o bronce da cadete  Noela Saa.