Irene Trabazo estará no Mundial de ciclocrós

Marín
24 de xaneiro 2019

A ciclista marinense foi convocada oficialmente polo equipo nacional para disputar o Campionato do Mundo de ciclocrós que se celebrará en Bogense, Dinamarca, os días 2 e 3 de febreiro

Irene Trabazo, na primeira xornada do Campionato de España de Ciclocrós na Illa das Esculturas
Irene Trabazo, na primeira xornada do Campionato de España de Ciclocrós na Illa das Esculturas / Mónica Patxot

Desde Marín ata o Campionato do Mundo de Ciclocrós. Irene Trabazo foi convocada oficialmente este mércores polo seleccionador nacional, Pascual  Momparler, para participar no Mundial da especialidade que se disputará os días 2 e 3 de febreiro en Bogense, Dinamarca.

A deportista do Club Ciclista Marín tomará parte na carreira Sub-23 prevista para as 11:00 horas do domingo día 3. Xunto a ela estarán no equipo español Luisa Ibarrola, Paula Díaz e Sofía Rodríguez.

"É moi importante que tomen experiencia neste tipo de probas para que se consoliden e podamos completar un cambio xeracional no noso ciclocrós", sinalou sobre elas o técnico do combinado español.

Trabazo non será a única ciclista galega no Campionato do Mundo de Dinamarca, xa que Iván Feijóo competirá na proba Sub-23 masculina e Carlos Canal na Júnior.

Antes de participar no Mundial, Irene Trabazo competirá a próxima fin de semana na proba da Copa do Mundo de Hoogerheide.