Irene Trabazo reforza en Ferrolterra o seu liderado na Copa Galicia de ciclocrós

Marín
05 de novembro 2018

A corredora do Club Ciclista Marín asinou a tripla vitoria nas tres probas disputadas durante a ponte festiva e destácase á fronte da clasificación xeral

Vencedores da proba da Copa Galicia de Ciclocrós en Ferrol
Vencedores da proba da Copa Galicia de Ciclocrós en Ferrol / Federación Galega de Ciclismo

Irene Trabazo destácase á fronte da clasificación xeral da Copa Galicia de Ciclocrós cando non se chegou ao ecuador da competición.

A corredora do Club Ciclista Marín consolidou o seu liderado no tríptico de probas celebradas durante a ponte festiva na comarca de Ferrolterra.

Trabazo impúxose o xoves no II Trofeo de Ciclocrós A Laboral en Culleredo, superando a Carla Fernández, e fixo o propio a fin de semana en Val de Esmelle gañando María José Gómez e en Ferrol, onde se impuxo a Lucía Vázquez.

É a quinta vitoria da marinense en sete probas (nunha non participou), o que a coloca con 820 puntos e unha ampla marxe sobre as súas inmediatas perseguidoras na clasificación da categoría elite e sub-23.

Tamén a súa compañeira de club Laura Capa, no seu caso en idade cadete, domina con autoridade a Copa Galicia na súa categoría, ao contar por vitorias todas as súas participacións, seis ata a data incluíndo a tripla cita na comarca de Ferrolterra.

Por diante restan aínda 11 probas por celebrarse antes do Campionato de Galicia, sendo a próxima a do domingo 11 de novembro en Dumbría.