Iván González e Daniela Suárez poñen o Galaico Sincro no radar da Federación Española de Natación

Pontevedra
30 de novembro 2022

Os dous nadadores do club pontevedrés participarán en decembro en senllas concentracións nacionais, no caso de Daniela Suárez co obxectivo de preparar o mundial 2023 de categoría infantil

Daniela Suárez coa medalla ao Mérito Deportivo da Real Federación Española de Natación
Daniela Suárez coa medalla ao Mérito Deportivo da Real Federación Española de Natación /

Máis aló da complicada situación que vive pola incerteza sobre o futuro do complexo deportivo Rías do Sur, o Club Galaico Sincro está de parabén no deportivo.

Dous dos seus nadadores foron seleccionados pola Real Federación Española de Natación para senllas concentracións nacionais.

Un deles é Iván González, chamado xunto a outros 13 deportistas de toda a España a participar nas xornadas técnicas masculinas que a Federación desenvolverá en San Cugat do Vallés, do 10 ao 12 de decembro. O pontevedrés repetirá presenza nunhas xornadas que xa se celebraron o pasado ano e no que o staff técnico federativo realiza un seguimento aos nadadores masculinos con máis proxección do país, con idades comprendidas entre os 10 e os 15 anos.

Doutra banda e tras conseguir o sexto posto no recente Campionato de España de Figuras, Daniela Suárez foi seleccionada para unha concentración de categoría infantil na que o obxectivo é preparar a participación de España no Campionato do Mundo 2023 da categoría, e que terá lugar do 1 ao 5 de decembro na localidade madrileña de Buitrago de Lozoya.

Suárez recibiu ademais durante o campionato a medalla extraordinaria ao mérito deportivo que a Real Federación Española de Natación outorgou aos compoñentes das seleccións junior e infantil que a tempada pasada fixéronse cos campionatos de Europa e do Mundo, como foi o caso da deportista do Galaico Sincro.